Duplicate entry '27814-2025-0-108' for key 'PRIMARY';
ENTREVISTA “Susi, adiante”: unha reivindicación laboral con esperanza
Susi Lugilde, responsable de Administración de Accede Social

“Susi, adiante”: unha reivindicación laboral con esperanza

  • No marco do 1 de Maio recollemos o testemuño de Susi Lugilde, traballadora do CEEIS asociado Accede Social
Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 03 de maio de 2024. Susi Lugilde leva unha década ligada ao centro especial de emprego de iniciativa social Accede Social como responsable de Administración. Amante dos números desde sempre, compaxinou nos seus inicios o traballo cos estudos e ocupou diversos postos, como o de mestra de Matemáticas no Seminario Menor de Lugo ou como administrativa tamén noutro CEEIS como é Combina Social.

Conversamos con Susi do seu traballo diario en Accede Social, que sente como parte da familia, dos retos laborais aos que se enfronta ou da necesidade de recoñecer as valiosas contribucións das persoas con discapacidade ao mercado de traballo: "Teñen que contratarme polo que son, porque teño experiencia, porque teño unhas calidades marabillosas para ese posto".

  • Cal foi a súa primeira experiencia no eido laboral? Garda un bo recordo dela?

Gardo un recordo boísimo porque tiven a sorte de dar os meus primeiros pasos como autónoma traballando na miña propia asesoría e acompañada por meu pai. Eu sempre estiven encamiñada ao tema económico e saquei unha licenciatura. Cando comecei a traballar, durante un tempo, traballaba e seguía a estudar. Para min foi moi bo e un comezo moi bonito. Co tempo constituímonos en sociedade limitada e xurdiume a oportunidade de poder dedicarme á ensinanza. Así que embarqueime nese camiño tamén e fun profesora no Seminario Menor de Lugo de Matemáticas, e compaxinei as dúas cousas. Despois, ao marchar para Aguieira (Porto do Son), cambiei de rumbo e comecei a traballar como administradora da empresa de transporte adaptado Accede Social.

  • Cando e como xorde a oportunidade de comezar a traballar no CEEIS? Que cargo ocupa?

Ao chegar a Aguieira estaba no paro. Por circunstancias da vida descubro a COGAMI, contacteilles e invitáronme a facer dúas entrevistas para dous postos de traballo. Aceptei, por suposto, e marchei a Santiago a facer as dúas entrevistas e aceptáronme nos dous postos. Un era para administrativa en Combina Social e outro para dar un curso de contabilidade. Foi unha experiencia maratoniana porque traballaba todo o día. Pola mañá en Combina Social e pola tarde dedicábame ao curso. Tanto traballo levoume a pasar a Coinco, o que hoxe é Accede Social, onde levo xa 10 anos e no que actualmente son responsable de administración.

Foi toda unha viaxe e iso que para min todo era novo porque non sabía nada dos centros especiais de emprego. Fun aprendendo e coñecéndoos pouco a pouco. Así que comecei en COGAMI, pasei a GES (Galega de Economía Social) e agora aquí, un sitio no que estou feliz.

  • Podería contarnos como é o seu día a día no centro?

Eu dedícome totalmente aos números, a todo o que ten que ver coa xestión económica, laboral e financeira como cobros, pagos, orzamentos, tesourería, facturación, relación con entidades financeiras, auditores, clientes, provedores… Tamén me encargo de todo o relacionado con protección de datos, valor social, pegada de carbono, estatísticas, clasificación nacional… Ademais, de preocuparme por establecer un equipo de traballo cos demais administrativos. Ese sería o meu día a día. Teño a sorte de traballar desde a casa aínda que vou a Santiago a miúdo e tamén a Mos para estar co equipo e axudar coa formación. Unha parte importante do meu traballo é a formación da xente nova que vai chegando.

  • Que lle aporta este traballo? E vostede, que habilidades ou talentos cre que achega ao CEEIS?

Apórtame moito. Creo que ás veces estou saturada ou cansa pero tamén contenta pola boa marcha e os logros que imos acadando. O que máis me gusta de onde estou é que formamos un bo equipo de persoas e que a nosa relación en Accede Social é boa. Sinto que iso é importante porque aquí síntome moi a gusto.

Teño a sorte de poder establecer como facer o meu traballo e compartilo coa miña xerente. Hai un feedback estupendo, as cousas flúen e, entre nós, imos establecendo os ritmos. Paréceme marabilloso e faime feliz ver como o imos facendo, ademais gústame moito o que fago.

Creo que a miña aportación ao centro é a tranquilidade e a confianza. Son unha persoas moi aberta e sei traballar en equipo. Sei delegar, axudar, empatizo coa xente, creo que chego ás persoas, que sei estar con elas e facer que se sintan cómodas traballando neste equipo.

  • A que desafíos se tivo que enfrontar no ámbito laboral debido á súa discapacidade?

Para min o reto máis importante foi traballar a pesar de estar enferma. Como explicalo? Tiña momentos de sentirme moi mal pero seguía traballando. Recordo que houbo momentos da miña enfermidade nos que levantarme era todo un reto e levábame un século chegar ao traballo. Dicíame a min mesma: "Susi, adiante". Non podía limitarme. Hai días que as cousas custan un pouco pero mañá pode que custen menos. Tiña que loitar contra iso e traballar igual. E tamén na miña vida persoal, co meu tempo libre e amizades, participaba das cousas. Sabía que tiña os meu límites pero seguía adiante, nunca deixei que a miña enfermidade fose unha traba. Sempre fixen así, sei que a enfermidade está aí pero sigo loitando e traballando e por iso non son peor nin mellor que os demais, son igual. E ao final redúcese a iso, somos iguais que os demais e valemos tanto como calquera.

  • No marco do Día Internacional dos Traballadores e Traballadoras, pensa que se recoñece a contribución das persoas con discapacidade ao mercado laboral?

Penso que o problema do mercado laboral é que só te teñan en conta porque tes unha discapacidade. Dáme pena que te contraten só pola discapacidade, non terían que contratarte por algo que forma parte de ti. Sei que as empresas teñen certas oportunidades por contar coas persoas con discapacidades pero non tería que ser así. Tería que ser ao revés, teñen que contratarme polo que son, porque teño experiencia, porque teño unhas calidades marabillosas para ese posto, e a discapacidade non é máis que un engadido. Non terían que contratarme porque se poden beneficiar. Para min somos iguais que os demais, teñen que contratarme porque son valiosa.

  • Que cambios lle gustaría ver no ámbito laboral en relación á inclusión das persoas con discapacidade?

Gustaríame ver ese cambio que comentaba, que te contraten polo que ti es, non só pensando na discapacidade. A xente con discapacidade é moi valiosa. Somos persoas válidas. Ademais, creo que somos máis conscientes do que somos e podemos facer e que tamén vivimos a vida con máis alegría.

  • E persoalmente, algunha meta laboral no horizonte?

Eu xa estou coa vista posta na xubilación e quero poder chegar a unha xubilación digna. Non pretendo grandes cousas, quero seguir gozando do que teño, aportando todo o que poida na miña empresa porque a vivo como se fora parte da miña familia.

E despois xubilarme e ser unha persoa xubilosa, gozar da vida. Creo que o bonito é gozar de todo o que tes ao teu redor, do teu traballo, da túa vida, da túa familia.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar